Ir al contenido principal

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2019 Os libros fannos acougar

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

MENSAXE DA SECCIÓN DE LITUANIA E ILUSTRACIÓN DE Kęstutis Kasparavičius (1954).
Vou con présa!, Non teño tempo ningún!, Aburiño!... Expresións coma estas poden escoitarse quizais acotío, non só en Lituania -no centro mesmo de Europa-, senón en moitas partes do mundo. E a miúdo escóitase dicir tamén que vivimos na idade da abundancia da información, da présa e da precipitación.
Non obstante, colles un libro entre as mans e, inmediatamente sentes que algo muda. Parece que os libros teñen unha cualidade marabillosa -axúdannos a acougar. Tan pronto como abres un libro, mergúllaste nas súas tranquilas profundidades e sabes que nel as cousas non pasarán a tanta velocidade que non che permita apreciar nada. Comezas a entender que non paga a pena lanzarse a facer tarefas de dubidosa urxencia. Nun libro todo acontece paseniñamente, en orde e segundo unha secuencia. Quizais porque as súas páxinas están numeradas, quizais porque as súas follas roxen amodo a medida que as vas pasando. Nos libros, os acontecementos do pasado atópanse cos que aínda están por chegar.
O universo dos libros é moi extenso; e nel poden mesturarse a realidade coa imaxinación e a fantasía. Ás veces non sabes moi ben onde -se nun libro ou na vida- percibiches de que xeito tan fermoso caen as pingas do tellado nevado cando se derreten, ou de que forma tan bonita cobre a carriza o valado da veciña. Foi nun libro ou na realidade onde comprobaches que as amoras non só son bonitas senón tamén amargas? Aconteceu nun libro ou na realidade cando estabas estomballada sobre a herba seca no verán, e despois sentada coas pernas cruzadas, vendo como as nubes avanzan polo ceo adiante?
Os libros axúdannos a vivir amodo, apréndennos a observar e convídannos a buscar acomodo e sentar durante un longo anaco. A miúdo lemos sentadas, co libro sobre a mesa ou entre as mans, non si?
E non comprobastes o milagre de que cando estás a ler un libro, o libro tamén te le? Si, si, os libros tamén saben ler. Lenvos a fronte, as cellas, as comisuras da boca que soben e baixan, pero primeiro e por riba de todo, os libros len os ollos. E mirándote aos ollos, eles ven... vaites, xa sabedes o que ven!
Estou seguro de que os libros nunca están aburridos se están entre as túas mans. Unha persoa que goce lendo -sexa pequena ou adulta- é moito máis interesante que unha persoa á que non lle preocupen os libros, que sempre estea bulindo a contrarreloxo, que non teña tempo para sentar, que non teña tempo para fixarse en nada do seu arredor.
No Día Internacional do Libro Infantil, este é o meu desexo para todas nós:
Que non falten libros interesantes para o lectorado e lectorado interesante para os libros!

Escrito por Kęstutis Kasparavičius
Ilustrado por Kęstutis Kasparavičius
Traducido por Antía Marante Arias (GÁLIX)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Recomendacións lectoras para o verán

  E neste verán, descansar e ler pode ser un bo plan. Por iso, vos deixamos estas recomendacións lectoras 👇

Intercambio con Manchester

  Como cada ano, o alumnado de 5º de EP e algúns invitados de 6º de EP tiveron a gran sorte de ir de intercambio a unha escola de Manchester St. Catherine's RC Primary School. Pasaron unha semana inmersos en distintas actividades en lingua inglesa e melloraron e aprenderon mogollón. Desfrutaron xunto cos seus "penfriends" e fixeron unha morea de actividades xuntos. Na escola estiveron inmersos en diversos obradoiros, realizouse un Singing Square con diversas cancións en castelán e inglés, asamblea, unha barbacoa coas familias e os nenos,... Ao longo da semana visitaron:  O parque Martin Mere onde puideron observar todo tipo de aves: patos, ocas, flamencos,... Burnage Rugby onde comeron pizza e xogaron ao aire libre. Chill Factore , a cal é unha pista de esquí cuberta. Fish and chips en Didsbury Park onde puideron degustar unha das comidas típicas británicas. A verdade é que gozaron da semana e tiveron a sorte de que o tempo lles acompañou. Vos deixamos este pequeno res...